Proposta de modificación dos estatutos
 
 

Como todo neste mundo, o tempo non pasa en balde para a propia entidade, polo que compre adaptarse ás normativas e tempos actuais. Deste xeito realizouse unha revisión estatutaria para adaptar a nosa normativa interna á lexislación vixente. Incluímos seguidamente a proposta que foi xa revisada polo equipo xurídico da Comunidade de Montes e amplamente debatida na Xunta Reitora. Esta proposta será debatida na vindeira asemblea, se tivérades propostas de modificación ou achegas rogamos que nolas enviedes previamente por escrito (cmontes@peitieiros.org)para poder consultalas co equipo xurídico e poder presentalas na asemblea.

ESTATUTOS DA COMUNIDADE DE MONTES
VECIÑAIS EN MAN COMÚN DE PEITIEIROS

CAPITULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 1.- Os presentes Estatutos teñen por obxecto regula-lo desfrute e aproveitamento dos Montes Veciñais denominados "MATALAGARTOS, DA COSTA e CORUTO", dos que son propietarios os veciños/as comuneiros/as de dita parroquia, en virtude da Resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra de data 1 de xuño de 1984; e demais montes que no futuro se clasifiquen en man común deste lugar, segundo o establecido polo costume, a Lei 13/1989, de 10 de outubro, do Parlamento Galego e o seu Regulamento de 4 de setembro de 1992, así como na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de Dereito Civil de Galicia.

ARTIGO 2.- As normas contidas nos presentes Estatutos inspíranse nos usos e costumes tradicionalmente observados para regula-lo aproveitamento e desfrute dos referidos montes. Non obstante se se demostrase a existencia de usos e costume non recollidos nos mesmos serán respectados e poderase pedir por calquera parte interesada a inclusión nos presentes Estatutos, unha vez probada na súa debida forma a súa tradicional observancia.

ARTIGO 3.- A titularidade e o aproveitamento dos montes corresponde á Comunidade de comuneiros/as da parroquia de Peitieiros.

A Comunidade ten plena capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins e a defensa dos seus dereitos, sobre o monte e os seus aproveitamentos, así como para a súa administración e disposición; podendo exercitar na vía xudicial e administrativa cantas accións se precisen en defensa dos seus propios intereses.

Os obxectivos esenciais da C.M.V.M.C. de Peitieiros son a xestión, a protección e a defensa dos montes dos que é titular, velando pola súa conservación, limpeza e integridade, evitando tanto a degradación como o seu deterioro ecolóxico, garantido a paisaxe, o ecosistema e o fundamento da propiedade comunitaria para as xeracións futuras. Igualmente impedirá a extracción abusiva de calquera dos seus recursos, en consonancia co sinalado no artigo 28 da Lei de M.V.M.C. 13/1989. Asemade constitúe obxectivo da Comunidade o desenvolvemento da parroquia de Peitieiros para benestar dos comuneiros/as e das súas familias integrando o monte na vida social.

ARTIGO 4.- Os referidos montes son indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembargables e non están suxeitos a tributación algunha nin ás cotas de Seguridade Social Agraria.


CAPITULO II.- ACTOS DE DISPOSICIÓN


ARTIGO 5.- CESIÓN
Non obstante ó disposto no articulo anterior, poderán ser obxecto de cesión temporal, previo informe da Consellería de Medio Rural, en todo ou en parte, a titulo oneroso ou gratuíto, para obras, instalacións, explotacións de diversa índole, servizos ou outros fins, que redunden de modo principal en beneficio directo da Comunidade de Veciños/as, de acordo coas maiorías previstas no artigo 18.1 da Lei 13/1989 de 10 outubro.
A cesión poderá ser por tempo indefinido en favor de calquera das Administracións Públicas cando sexa destinada a equipamentos a favor da propia Comunidade de montes, en tanto se manteña o fin para o que foi feita tal cesión; e por un prazo máximo de 30 anos se é a favor de particulares.
No caso de cesión dunha parcela para un uso que supoña a creación de postos de traballo, terán preferencia os veciños/as da parroquia de Peitieiros, debendo establecerse esta condición expresamente no contrato de cesión.

ARTIGO 6.- EXPROPIACIÓN
1.- O monte veciñal só poderá ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselle servidume por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ós dos propio monte veciñal.

2.- O importe das cantidades aboadas pola expropiación ou servidume deberase destinar á inversións para a conservación, mellora, protección, acceso e servizos no monte, así coma os gastos de conservación e mellora do monte, e o financiamento de obras de infraestrutura e servizos públicos ou de interese social para o monte.

3.- Se como consecuencia da expropiación quedase todo o monte fóra da titularidade dominical da Comunidade, esta subsistirá para o exercicio dos dereitos que caiban e como titular do eventual dereito de reversión.

ARTIGO 7.- OCUPACIÓNS E SERVIDUMES
Poderanse establecer ocupacións e servidumes, logo do expediente no que se acredite a súa compatibilidade co fin e a utilidade pública que cualifica o monte para o que a Delegación Provincial correspondente redactará a oportuna memoria.
O consentimento da Comunidade de montes é necesario para autorizar a ocupación no monte. Cando esta se opoña, a Delegación Provincial correspondente, sen máis trámite, dará por concluso o expediente, comunicándolle os interesados que non hai lugar ó solicitado.

ARTIGO 8.- DEREITOS DE SUPERFICIE
1.- O establecemento de dereitos de superficie terá carácter temporal e cos seguintes prazos:
a) Ata 30 anos no caso de que sexa con destino a instalacións ou edificacións.
b) Ata 10 anos en cultivos agrarios, logo de autorización da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural cando supoña cambio de masa forestal a produción agraria.
c) O número de anos coincidente coa rolda da especie plantada no caso de arborado, debéndose fixar no documento correspondente ó número de anos máximo no que se deberá proceder a corta do arborado.

2.- Para plantacións de eucaliptos e outras especies foráneas, deberase engadir ó documento público sinalado no número anterior un estudio de impacto ambiental, conforme ó Decreto 81/1989, do 11 de maio.

ARTIGO 9.- PERMUTAS
O establecemento das permutas requirirá informe favorable da Consellería de Medio Rural sobre a similitude do valor dos terreos permutados e a proximidade dos terreos que se vaian permutar.

ARTIGO 10.- ARRENDAMENTOS
O Monte poderá ser obxecto de arrendamento total ou parcial, o cal se rexerá polo disposto na Lei 13/1989, no seu Regulamento, e no Código Civil. O período contractual non poderá ser superior a 11 anos.

ARTIGO 11.- CONCENTRACIÓN PARCELARIA
A inclusión no proxecto de Concentración Parcelaria, se a houbese, deberá respectar, ó termo do expediente, a superficie total inicial e a capacidade produtiva do Monte.

ARTIGO 12.- DESTINO DO PAGAMENTO
O importe das cantidades aboadas polo negocios xurídicos mencionados neste Título deberase destinar a mellora do monte, ou ó establecemento de obras ou servizos de interese xeral da Comunidade propietaria do Monte.


CAPÍTULO III.- DOS COMUNEIROS/AS TITULARES

ARTIGO 13.- Terán a condición de veciños/as comuneiros/as aquelas persoas titulares de unidades económicas, produtivas ou de consumo, con casa aberta e residencia habitual independente dentro da parroquia de Peitieiros (Gondomar), conforme ao disposto no art. 61 da Lei de Dereito Civil de Galicia e no art. 3.1 da Lei 13/1989 do 10 de outubro.

Non se considerarán comuneiros/as aquelas persoas que residan na parroquia de Peitieiros con carácter temporal, accidental, transitorio ou vacacional.

ARTIGO 14.- A comunidade de montes entenderase composta polos veciños/as que a integren en cada momento. Considerarase un só comuneiro/a por cada unidade económica, produtiva ou de consumo, isto é, por cada casa aberta.

ARTIGO 15.- Adquisición da condición de comuneiro/a:

1.- A condición de comuneiro/a, co pleno dereito a participación dos beneficios e cargas da comunidade, adquírese exclusivamente por cumprir os requisitos do artigo 61 da Lei de Dereito Civil de Galicia, isto é, por ser persoa titular dunha unidade económica, produtiva ou de consumo, con casa aberta e residencia habitual independente dentro da parroquia de Peitieiros, residindo un mínimo de 10 meses ó ano dentro de cada ano natural.

2.- Tódalas persoas que consideren reunir os requisitos establecidos no apartado anterior, deberán solicitar por escrito á Xunta Rectora a súa inscrición no rexistro de comuneiro/as. Recibidas as solicitudes pola Xunta Rectora, a mesma haberá de comproba-la concorrencia ou non das circunstancias determinantes da condición de comuneiro/a na persoa do solicitante, podendo esixir do mesmo os documentos que estime convenientes a efectos de acredita-la concorrencia dos requisitos. Examinada a solicitude, a Xunta Rectora elaborará unha proposta (de admisión ou inadmisión), procedendo a dar conta da mesma na seguinte Asemblea Xeral que se celebre, sendo esta quen deberá resolver a solicitude de alta, e polo tanto que acordará e aprobará a inclusión do solicitante como comuneiro/a, en caso de cumprir os requisitos do art. 61 LDCG. Na Asamblea se lle dará audiencia ó interesado, se este o solicita.

3.- Igualmente, calquera comuneiro/a poderá opoñerse á inclusión no rexistro dos veciños/as que considere non aptos, ó non reunir os requisitos estatutariamente esixidos, elevando a oportuna reclamación diante da Asamblea Xeral, que haberá de resolver.

ARTIGO 16.- A efectos do artigo anterior, entenderase adquirida a veciñanza sempre que veña habitando en casa aberta e con fumes, e se teña residencia habitual independente na parroquia de Peitieiros. Establécese un prazo mínimo de residencia para adquirir a condición de comuneiro/a dun ano.

ARTIGO 17.- Non se poderá eximir o cumprimento do requisito de residencia habitual salvo causas xustificadas, e sen que a exención poida superar os dous meses en cada ano natural, segundo o disposto no artigo 61.4 da Lei de Dereito Civil de Galicia.

ARTIGO 18.- Entenderase por residencia habitual a residencia fáctica na parroquia de Peitieiros, con carácter efectivo e continuado e con vocación de permanencia, existindo un arraigo real e verdadeiro no lugar, tendo unha veciñanza estable e duradeira, que se pon de manifesto coa posesión dunha casa aberta "con lume e fume" na parroquia de Peitieiros.

CAPITULO IV.- PERDA DA CONDICIÓN DE COMUNEIRO/A

ARTIGO 19.- A condición de comuneiro/a pérdese por calquera das seguintes causas:

a) Por deixar de cumprir algún dos requisitos previstos legalmente para ser comuneiro/a.
b) Por peche da casa.
c) Por deixar de residir habitualmente na parroquia de Peitieiros máis de 2 meses en cada ano natural.
d) Por falecemento do titular.
e) Por renuncia escrita do titular, que deberá ser libre e voluntaria.

A condición de comuneiro/a perderase desde o momento en que se deixen de cumprir os requisitos esixidos para a integración na comunidade de montes. En todo caso, a perda desta condición deberá ser acordada pola Asemblea Xeral, trala súa inclusión na orde do día, con expresión individualizada das persoas afectadas e sempre con audiencia destas.

ARTIGO 20.- A perda da condición de comuneiro/a non impedirá volver a recuperala, unha vez concorran os requisitos necesarios para ostentar novamente dita condición.

ARTIGO 21.- A condición de comuneiro/a é un dereito de carácter personalísimo e independente, e, polo tanto, intransmisible. En consecuencia, o falecemento ou morte dun comuneiro/a non suporá a transferencia inmediata desta condición ó cónxuxe ou parella de feito co que convivira; nin ó/os herdeiro/os que sigan habitando na mesma casa do causante. A transmisión da condición de comuneiro/a devirá en nula de pleno dereito, por ser contraria á Lei.
Finado un comuneiro/a, extinguirase automaticamente a súa calidade de veciño/a-comuneiro/a, causando baixa do Libro Rexistro de Comuneiro/as.

Os herdeiros e demais causahabentes poderán solicitar á Asamblea Xeral a súa inclusión como novos comuneiro/as, segundo o procedemento previsto no artigo 15.2 dos presentes Estatutos, sempre e cando cumpran os requisitos esixidos para integrar a Comunidade.

ARTIGO 22.- No caso de transmisión intervivos ou mortis causa do uso e desfrute da totalidade dos bens que pertenzan a un comuneiro/a, que perde por tal motivo a súa condición, o adquirinte non terá dereito a integrarse como membro da Comunidade ata que cumpra os requisitos esixidos legal e regulamentariamente para ser comuneiro/a. As transmisións parciais non extinguen o dereito do transmitinte.


CAPITULO V.- DEREITOS E OBRIGAS DOS COMUNEIRO/AS

ARTIGO 23.- Ademais dos que resulten dos restantes preceptos destes Estatutos e da Lexislación de montes veciñais en man común, son dereitos dos comuneiro/as:

a) Participar na administración, control e goberno da comunidade, se foi elixido membro da Xunta Rectora.
b) Dereito a información de todos aqueles datos relativos a marcha da Comunidade que lle interese coñecer, a través da lectura dos Libros Rexistro (Libro de Actas, Libro de Comuneiros/as e Libro de Contas) da Comunidade, no domicilio social da mesma e asistido polo Secretario/a ou persoa delegada por este, como depositario da documentación. Calquera veciño/a comuneiro/a poderá solicitar certificación do contido dos citados Libros, que non lles poderá ser denegada, conforme ao disposto no artigo 38 do Regulamento de MVMC.
c) Participar nos aproveitamentos directos e gratuítos, de acordo coas normas sinaladas pola Asemblea Xeral.
d) Explotar no seu caso parcelas de monte veciñal, conxunta ou individualmente na forma que regula a Lei 13/1989, do 10 de outubro, do Parlamento Galego, previo acordo que o legalice, tomado na Asemblea Xeral.
e) Traballar na explotación do monte, se esta fose unha das metas, co fin de evita-las medidas de protección e xestión cautelosa á que se refire o artigo 24 ou os seguintes do citado texto 13/1989, do 10 de outubro.
f) Tódolos demais que se deriven da súa condición de comuneiro/a, e especialmente, exercita-lo dereito a voto para elixir ós membros da Xunta Rectora e decidir o resultado nas Asembleas Xerais, e poder presentar a súa candidatura para calquera dos cargos.

ARTIGO 24.- Ademais das que resulten dos restantes preceptos destes Estatutos e da Lexislación de montes veciñais en man común, son obrigas de tódolos comuneiro/as:

a) Cumprir fielmente os preceptos da lexislación de montes veciñais en man común, de estes Estatutos e dos acordos que emanen da Asemblea Xeral e da Xunta Rectora.
b) No suposto de afrontar a Asemblea Xeral a explotación directa do monte, efectua-las contribucións obrigatorias que pola mesma se fixen, pero suxeitándose a un plan racional de explotación do monte.
c) Desempeñar con toda dilixencia os cargos da Xunta Rectora ou calquera outro para o que fose preciso.
d) Asistir ás reunións ás que fora convocado en debida forma.


CAPÍTULO VI.- PARTICIPACIÓN DOS APROVEITAMENTOS NO SUPOSTO DE QUE O MONTE SEXA OBXECTO DE EXPLOTACIÓN DIRECTA DOS VECIÑOS/AS

ARTIGO 25.- A participación de cada un dos comuneiros/as no aproveitamento ou beneficios que sexan susceptibles de producir os referidos montes, despois de deducidos no seu caso os gastos de explotación, os xornais e demais contribucións no seu caso, investirase sempre en inversións para a conservación, mellora, protección, acceso e servizos no monte, así coma os gastos de conservación e mellora do monte, e o financiamento de obras de infraestrutura e servizos públicos ou de interese social para o monte.

ARTIGO 26.- A efectos do suposto no artigo anterior, entenderase por rendementos pecuniarios ou rendementos líquidos, aqueles que se expresan no artigo precedente e despois de respectar como mínimo o 15% dos mesmos para investimento, protección, accesos ou servizos derivados do uso social ó que o monte está destinado, de acordo co artigo 23 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e como é natural, destinados as cantidades invertidas na explotación do monte, os xornais aboados ou gañados polos comuneiros/as que teñan traballado no monte para a obtención do produto, que serán aboados ós mesmos con independencia da súa participación nos beneficios.


CAPÍTULO VII.- DISTRIBUCIÓN DAS CARGAS E DÉBEDAS NO CASO DE EXPLOTACIÓN DIRECTA DO MONTE, TOTAL OU PARCIALMENTE POLOS VECIÑOS/AS

ARTIGO 27.- Tendo en conta, en principio, que a Comunidade proponse á explotación do monte na forma que dirá no seguinte capítulo, as cargas ou débedas que graven a explotación do monte, que se produciran como consecuencia da mesma, deduciranse dos beneficios, se os houbese, ou no seu caso distribuiranse mediante prorrata entre tódolos comuneiro/as.

ARTIGO 28.- Ata que se cubran totalmente as débedas para a explotación do monte, non se procederá a inversión en infraestructuras, debendo destinarse integramente á amortización das citadas débedas, sen prexuízo do previsto no artigo 23 de Lei 13/1989 do 10 de outubro.

ARTIGO 29.- Nos casos en que a Asemblea Xeral estima preciso a prestación persoal de varios comuneiros/as para certos traballos de explotación do monte, aqueles estarán obrigados a realizalos na forma e días que indique a Xunta Rectora, con igualdade para tódolos Comuneiro/as, e aquel que non poida efectuar directamente este cometido ou por membros da súa familia, deberá presentar un xornaleiro que se ocupe de realizar tales traballos aboando este os xornais que lle correspondería realizar.

ARTIGO 30.- No suposto indicado de explotación directa do monte, no caso de que se produza o ingreso dun comuneiro/a no momento que existan débedas pendentes, non poderá participar en tales aproveitamentos, ata que participe na contía que proporcionalmente lle corresponda nas referidas débedas.


CAPÍTULO VIII.- MODALIDADE DE APROVEITAMENTO

ARTIGO 31.- A Comunidade proporase como meta fundamental a posta en explotación do monte, de forma que sexa susceptible de producir unha riqueza que mellore as condicións económico-sociais da Comunidade, ou de aqueles interesados directamente na explotación. Por isto, a forma primordial e obrigatoria de explotación do referido monte será a que realice a propia Comunidade, para a obtención de rendemento pecuniarios a corto, medio e longo prazo, de acordo coa vocación das distintas partes do mesmo e segundo un plan técnico que sinale as posibilidades de cada zona.

ARTIGO 32.- Só en aqueles casos nos que a explotación en común e con rendementos pecuniarios non fose posible, poderase admitir aproveitamentos directos e gratuítos, que realicen os veciños/as, de modo que os produtos aproveitados redunden integramente en beneficio particular ou familiar, sen proporcionarlle rendementos pecuniarios inmediatos, tales como cultivos eventuais, esquilmes, pinochas, leñas de matogueira, leña caída, etc.

En todo caso estes aproveitamentos deben efectuarse de acordo coas normas que dite a Asemblea Xeral.

ARTIGO 33.- O aproveitamento do monte efectuarase de acordo co plan técnico que deberá ser aprobado pola comunidade, se antes non fose obxecto de convenio coa Xunta de Galicia. Cando a Xunta Rectora considere que o aproveitamento que vense realizando non é o máis conveniente para a explotación racional de Monte elevarase proposta razoada á Administración para que, no prazo de quince días, incoe expediente sobre a posible transformación da explotación, na forma que regula o Regulamento de Montes Veciñais.

Competerá a Asemblea Xeral a toma de decisión sobre os seguintes aspectos:

a) Elaboración dun sinxelo estudio vocacional do Monte.
b) Elaboración de un estudio técnico-económico para cada unha das opcións de explotación.
c) Estudio de financiamento, sinalando as diferentes etapas que deben sucederse ata a explotación do Monte.
d) Decisión sobre a forma de aproveitamento do Monte, tales como a explotación en común por tódolos comuneiro/as/as, cesión, arrendamento, etc.
e) Nos casos de convenios coas administracións públicas ou con particulares, especificarase claramente a superficie e plan de aproveitamento das distintas producións gandeiras ou forestais, así como o sistema de control e seguimento do cumprimento do Convenio.
f) Decisión de mancomunarse con outras Comunidades de Montes Veciñais o fin de desenvolver conxuntamente os Plans de Explotación destes montes ou dalgúns dos seus aproveitamentos.

ARTIGO 34.- A comunidade de veciños/as propietaria poderá acordar, para usos gandeiros ou agrícolas de parte do monte, que poida aproveitar de modo individual mediante a distribución entre veciños/as comuneiros/as de lotes cedidos temporalmente a título oneroso ou gratuíto, e por un período de tempo non superior a once anos. Para a asignación dos lotes procurarase que os comuneiros/as que traballen conxuntamente baixo a forma de explotación unitaria da terra teñan os lotes contiguos co fin de facilitar a súa mellor explotación.

ARTIGO 35.- Cando a utilización de un lote ou sorte por parte de un particular sexa destinado a un uso distinto ou contraditorio do acordado pola Asemblea Xeral, isto dará lugar á reversión inmediata do mesmo e pasará a situación de aproveitamento colectivo.

ARTIGO 36.- Terminado o período de cesión de dito lote, a Asemblea Xeral poderá optar polo aproveitamento colectivo do mesmo ou facer un novo reparto. Neste caso os lotes que se lle entregaron ós comuneiros/as non poderán coincidir cos que se aproveitaron en período anterior.

ARTIGO 37.- A Asemblea Xeral coidará de que tales lotes estean debidamente cultivados e que se poida atender a demanda para novos comuneiros/as que entren na Comunidade despois de feita tal distribución, reservando sempre lotes ou sortes, para que o principio de igualdade consagrado constitucionalmente inspire tales cesións de uso.


CAPITULO IX.- ÓRGANOS DA COMUNIDADE

ARTIGO 38.- O goberno e a administración da Comunidade de montes realizarase por:

- Asemblea Xeral de Comuneiro/as.
- A Xunta Rectora e o Presidente/a de dita Xunta Rectora.


CAPÍTULO X.- ASEMBLEA XERAL DE COMUNEIRO/AS

ARTIGO 39.- A Asemblea Xeral de Comuneiros/as é o órgano supremo da Comunidade, que expresará a vontade da mesma e estará composta por tódolos comuneiros/as que integren a relación de comuneiros/as que formen a Comunidade.

ARTIGO 40.- A Asemblea Xeral Ordinaria será convocada unha vez ao ano e sempre dentro dos primeiros seis meses a data de peche do exercicio económico, para controlar o desenrolo dos plans e contas da Comunidade.

Con carácter extraordinario poderase convocar a Asemblea Xeral por iniciativa do Presidente/a, ou por petición dun mínimo do 20% dos comuneiro/as. Neste último caso, terá que celebrarse nun prazo máximo de dous meses.

ARTIGO 41.- As convocatorias para a Asemblea Xeral, tanto en reunión ordinaria como extraordinaria, serán efectuadas polo Presidente/a da comunidade, mediante escrito que estenderá o Secretario/a, que será notificado por escrito a tódolos comuneiros/as cun mínimo de dez días de antelación, indicando o lugar, data e hora en que se celebrará, en primeira e segunda convocatorias, o seu carácter ordinario ou extraordinario, e incluíndo na orde do día os asuntos a tratar. Publicarase dita convocatoria nos lugares de costume, cun mínimo de dez días de antelación, mediante notificación escrita a tódolos comuneiro/as, e exporase, como determina o artigo 14.4 da Lei 13/1989 do 10 de outubro, no taboleiro de anuncios do Concello de Gondomar.

ARTIGO 42.- Para a validez de acordos requirirase, en primeira convocatoria, a asistencia da maioría dos comuneiros/as inscritos no correspondente censo, e en segunda convocatoria, o 25% ao menos dos mesmos. Entre a primeira e segunda convocatoria deberán transcorrer como mínimo dúas horas, como establece o artigo 14.3º da citada Lei 13/1989, do 10 de outubro.

ARTIGO 43.- A asistencia ás reunións da Asemblea Xeral deberá ser a do propio comuneiro/a/a, podendo delegar por escrito noutro comuneiro/a/a. Non obstante, ningún asistente poderá ostentar máis dunha representación.
En todo caso, a delegación haberá de ser expresa para cada Asamblea Xeral, e deberá presentarse á mesa de control antes do comezo da mesma.

ARTIGO 44.- Excepto nos casos expresamente tipificados na Lei de Montes veciñais en Man Común, e o seu regulamento, ou os presentes Estatutos, os acordos deberán ser tomados pola maioría dos asistentes e obrigarán a tódolos comuneiro/as.

O réxime de maiorías será o seguinte:

a) Aprobación, reforma ou rexeite dos Estatutos, así como os acordos referidos a actos de disposición correspóndenlle a Asemblea Xeral, requirindo a convocatoria expresa e o voto favorable da maioría dos presentes que represente polo menos o 50 por cento dos comuneiro/as/as en primeira convocatoria e o 30 por cento na segunda.
b) Para a aprobación da xestión e balance do exercicio económico, aproveitamentos e actos de administración en xeral será suficiente a maioría simple dos asistentes.

ARTIGO 45.- Do resultado da reunión levantarase a correspondente Acta polo Secretario/a, na que deberá constar a decisión de maioría respecto a cada un dos puntos da orde do día, expresando o número de votos en contra, e cando algún dos asistentes fixera constar a súa posición, farase constar o seu nome e apelidos.

ARTIGO 46.- É competencia da Asemblea Xeral de Comuneiro/as:

1.- Elección do Presidente/a e demais cargos da Xunta Rectora.
2.- Aceptación de novos comuneiro/a que reúnan os requisitos necesarios, a proposta da Xunta Rectora.
3.- O establecemento de períodos de carencia e cotas de ingreso dos novos comuneiro/a, cando proceda, como consecuencia de participar en aproveitamentos creados pola propia Comunidade.
4.- Decidir sobre a perda total ou parcial dos dereitos dalgún comuneiro/a/a.
5.- Resolve-las discordias entre comuneiro/a en cuestións relacionados coa administración do Monte.
6.- Aproba-los presupostos anuais, investimentos, remanentes líquidos, obras sociais, melloras comunitarias, créditos, convenios e as contas do exercicio.
7.- Aproba-las posibles federacións, unións e mancomunidades con outras comunidades.
8.- Reforma-los presentes Estatutos.
9.- Concertar cesións de uso, arrendamentos, dereitos de superficie, así como explotacións diversas no monte, e posibles modificacións, a proposta da Xunta Rectora.
10.- Interpoñe-las accións xudiciais que se consideren precisas para a defensa dos intereses da Comunidade.
11.- Realizar permutas de terreos de carácter veciñal con outros próximos de calquera orixe, sempre que cumpran o principio de proporcionalidade que se establece na Lei 13/1989, de 10 Outubro, Parlamento Galego, dando conta desto o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común.
12.- Tódalas medidas relativas a protección e xestión cautelar que se establezan pola Consellería de Medio Rural.
13.- Xestiona-lo cumprimento de medidas de prevención do monte e loita contra incendios forestais na forma que se determine pola expresada Consellería cada ano, sen perxuizo de que a propia Comunidade afronte por si as que considere convenientes en defensa do seu patrimonio colectivo.
14.- Aprobación da distribución de aproveitamentos, beneficios pecuniarios e cargas, no suposto de explotación colectiva, total ou parcial do monte.
15.- Ratificación e rectificación de tódolos acordos da Xunta Rectora que se estimen prexudiciais ou contrarios a outros da Asemblea Xeral.
16.- Imposición de sancións e determinación da súa contía tipificada por lei vixente ós infractores das normas ditadas pola Asemblea Xeral e Xunta Rectora.
17.- Así mesmo e de forma concreta todo o referente a autorizacións e concesións para poder constituír e explotar espazos de monte ou dos seus recursos, sinalando ó efecto as cotas a percibir por tales conceptos.
18.- Resolve-las reclamacións previas á vía xudicial contra os acordos adoptados pola mesma e pola Xunta Rectora.
19.- Todo o relativo a deslindes e a marcaxes parciais ou totais do
monte.
20.- Aprobación de areas de utilidade pública.
21.- Promover a creación de entidades sen ánimo de lucro, que lle dean cobertura ás inversións ou bens alleos ó monte.
22.- Aprobación de inscrición no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria e en todos aqueles que fora necesario para cubrir tódalas necesidades de tipo funcional e legal.
23.- Realizar cantos actos sexan necesarios para a boa marcha da comunidade, explotación do monte e dos seus recursos e convenios a realizar para a cesión, permuta ou adquisición de bens e dereitos que poidan variar o acervo patrimonial da Comunidade.
24.- Cantas outras estean atribuídas polas Disposicións en vigor, ou as que se dicten no futuro, e cantas houbera se lles atribúan nos presentes Estatutos, especialmente no tema de exercicio de voto e elección de cargos da Comunidade e tamén todas aquelas funcións que non estean expresamente encomendadas a Xunta Rectora.


CAPÍTULO XI.- A XUNTA RECTORA

ARTIGO 47.- A administración e xestión da comunidade corresponderá á Xunta Rectora, que estará constituída, como mínimo, por:

- Presidente/a
- Vicepresidente/a
- Secretario/a
- Tesoureiro/a
- 2 Vogais (como mínimo)

Os indicados cargos de Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a, Tesoureiro/a e os Vogais, serán elixidos polos comuneiros/as en Asamblea Xeral.

ARTIGO 48.- Os referidos cargos son gratuítos e honoríficos e terán a duración de catro anos. Cesarán nos mesmos durante a súa lexislatura, sendo substituídos por outros elixidos en Asemblea Xeral, nos seguintes casos:
a) Falecemento ou incapacidade de obrar.
b) Perda da condición de comuneiro/a ou revogación da representación que ostenta.
c) Renuncia expresa admitida pola Asemblea Xeral.
d) Remoción pola Asemblea Xeral Extraordinaria a petición do 20% dos comuneiros/as, aprobada pola maioría simple, sempre que concorran a esta Asemblea el 25% dos comuneiros/as na segunda convocatoria.

ARTIGO 49.- 1.- A Xunta rectora reunirase, en sesión ordinaria, obrigatoriamente, cada tres meses e en sesión extraordinaria cando o dispoña o Presidente/a ou o pida calquera dos seus membros, o 20 % dos comuneiro/a.

2.- Para que quede validamente constituída a Xunta Rectora deberá asistir a maioría dos seus membros e, en tódolos casos, o Presidente/a ou, coa súa delegación, o Vicepresidente/a.
Os acordos adoptaranse pola maioría dos asistentes e, en caso de empate, decidirá o Presidente/a. A asistencia ás reunións da Xunta Rectora será sempre persoal, sen que se admitan delegacións.

3.- A convocatoria das reunións, tanto ordinarias como extraordinarias, será realizada polo Secretario/a a cada un dos membros con 48 horas, como mínimo, de antelación, indicando data, lugar e hora da reunión, tanto en primeira como en segunda convocatoria e incluíndo a ORDE DO DÍA da reunión.

3.- Considerarase que existe quórum si asiste a metade máis un dos membros na primeira convocatoria e o menos, un tercio dos membros na segunda, que deberá celebrarse como máximo media hora máis tarde que a primeira. As decisións adoptaranse por maioría simple, co voto de calidade do Presidente/a, en caso de empate. As decisións así tomadas obrigarán a toda a Xunta Rectora.

ARTIGO 50.- Son funcións da Xunta Rectora:

1.- Execución de acordos de Asemblea Xeral.
2.- Presentación á Asemblea Xeral das propostas de novos comuneiro/as, imposición de períodos de carencia, cotas de ingreso, sancións e separacións de comuneiro/as.
3.- Confección e presentación á Asemblea Xeral de orzamentos e balances.
4.- Promover a confección de plans ou cambios nos mesmos para o mellor aproveitamento do monte.
5.- Decidir sobre a interposición de accións xurídicas, administrativas ou de outra orde que sexan necesarias, dando conta á Asemblea Xeral na primeira reunión que se celebre para a súa ratificación. Todo esto sen prexuízo das facultades que por razóns de urxencia se outorgará ó Presidente/a da Comunidade.
6.- Facer xestións e desembolsos de diñeiro, que cando sexan superiores a 5.000 € será necesario solicitar tres orzamentos como mínimo en concorrencia competitiva por invitación.
7.- Os fondos da Comunidade serán depositados en contas bancarias a nome da mesma e a súa disposición efectuarase en execución dun presuposto ou acordo da Asemblea Xeral mediante firmas do Presidente/a e o Secretario/a ou Tesoureiro/a.
8.- Impulsar o funcionamento da Comunidade co fin de evitar as accións de protección e xestión cautelar atribuídas á Administración Pública e, en especial, que os montes veciñais da Comunidade se declaren en estado de grave abandono ou degradación, todo esto sen prexuízo de solicitar da Consellería correspondente as axudas necesarias para evitalo.
9.- En xeral, administrar a Comunidade, as que delegue a Asemblea Xeral, ou impoña a Lei 13/1989 do 10 de outubro, do Parlamento Galego ou no que fose preciso, a Lei 55/80 do 11 de novembro e o seu Regulamento.

ARTIGO 51.- O Presidente/a da Xunta Rectora ostentará, xudicial e extraxudicialmente, a representación da Comunidade, non obstante poderase nomear polos órganos da Comunidade ou por este, outros representantes para asuntos concretos, cando se considere oportunos.

O Vicepresidente/a substituirá ó Presidente/a na súa ausencia en asuntos de representación e auxiliará ó Presidente/a nos trámites da súa competencia.

ARTIGO 52.- O Secretario/a será o encargado das citacións, actos, correspondencia, certificacións, libro de actas e censo de comuneiros/as e, en xeral, de toda a documentación da comunidade. Asemade, terá que certificar o contido dos libros a petición de calquera comuneiro/a.

O Vicepresidente/a substituirá ó Secretario/a na súa ausencia en asuntos de representación e auxiliará ó Presidente/a nos trámites da súa competencia.

ARTIGO 53.- O Tesoureiro/a será o encargado de controla-las xestións económicas e reflectir a marcha da comunidade nos libros de contabilidade, así como controlar os caudais desta, realizando tódalas xestións deste tipo, en especial pagos e ingresos, coa intervención do Presidente/a, o mesmo que as ordes e xestións para a evolución do patrimonio da comunidade e, en definitiva, de toda a marcha contable de dita comunidade, reflectindo nos libros as entradas e saídas do diñeiro da mesma.

ARTIGO 54.- Os Vogais terán as funcións que lles encomende a Xunta Rectora. Presentarán unha función colaboradora en asuntos de tesourería e contabilidade, na elaboración de orzamentos, velando pola claridade de reflexo de ingresos e gastos, sen prexuízo do exposto no artigo anterior, pudendo someter calquera xestión que desto se debera á Xunta Rectora, a cal poderá, se o considera adecuada, sometela á súa vez á consideración da Asemblea Xeral.


CAPÍTULO XII.- DO PRESIDENTE/A DA XUNTA RECTORA

ARTIGO 55.- O Presidente/a da Xunta Rectora é o representante legal da Comunidade, pudendo ó efecto defendela sen necesidade de contar coa Xunta Rectora, nin coa Asemblea Xeral en caso de urxencia, con obriga de someter a ratificación dos distintos órganos, na primeira reunión que se celebre, os actos realizados en defensa da comunidade, sexan estes na vía xudicial, administrativa ou de calquera outra orde para a súa confirmación ou rexeitamento.

É, polo tanto, o representante legal da Comunidade, e deberá acreditar dita cualidade ó realizar os actos de disposición (cesións, expropiacións forzosas, ocupacións e servidume, dereitos de superficie, permutas, alugamento e concentración parcelaria).


CAPÍTULO XIII.- OUTROS ÓRGANOS DA ADMINISTRACIÓN

ARTIGO 56.- A Asemblea Xeral poderá nomear comisións xestoras para a mellor administración en certas áreas do monte ou do seu patrimonio, de explotacións concretas ou cumprir misións específicas especialmente para o desenrolo da Parroquia de Peitieiros dentro da Comunidade.

ARTIGO 57.- Ditas comisións terán as facultades que a Asemblea Xeral ou a Xunta Rectora lles asine nas cuestións que lles foron encomendadas. Os seus acordos serán ratificados ou rexeitados pola Asemblea ou pola Xunta Rectora, segundo a competencia de cada órgano.

CAPÍTULO XIV.- RESPONSABILIDADES DOS ÓRGANOS DE GOBERNO

ARTIGO 58.- A Asemblea Xeral será a responsable ante os comuneiros/as da boa marcha da Comunidade e do cumprimento das súas obrigas, dos presentes Estatutos e das Leis e Regulamentos de Montes Veciñais en Man Común.

ARTIGO 59.- A mesma responsabilidade incumbe á Xunta Rectora, tanto polo que respecta ós asuntos da súa competencia, como ós que lle encomenda a Asemblea Xeral, e dos danos e perxuízos que ocasionen á Comunidade por culpa, dolo, neglixencia ou morosidade na súa actuación.

A responsabilidade da Xunta Rectora será sempre colexiada, a non ser que algún dos seus membros traspasen as facultades que lles foron conferidas e actúen a nivel persoal con terceiros, caso en que se lles esixirá responsabilidades individualmente.

Todo isto entenderase sen prexuízo das responsabilidades en que incorra cada un dos seus membros.


CAPITULO XV: IMPUGNACIÓN DOS ACORDOS DOS ÓRGANOS DE GOBERNO E FACULTADE DA COMUNIDADE PARA REVOCALOS

ARTIGO 60.- Os acordos da Asemblea Xeral contrarios ás Leis de Montes Veciñais en Man Común ou ó seu Regulamento, as infraccións dos presentes Estatutos e os non adecuados ós intereses xerais, poderán ser recorridos por calquera dos comuneiros/as dentro dos quince días naturais seguintes á Asemblea en que se adoptou o acordo; e trinta días naturais seguintes se non se asistiu a dita Asemblea Xeral, debendo resolver a Asemblea sobre tal recurso dentro dos trinta días naturais seguintes a súa presentación. Tal resolución poderá ser impugnada ante a Xurisdicción ordinaria dentro dos dous meses seguintes.

Os recursos interpostos polos comuneiros/as ós que se refire o presente artigo tramitaranse conforme á Lei de Procedemento Administrativo con invocación do precepto infrinxido.

ARTIGO 61.- Se se trata de acordos da Xunta Rectora que adoezan dos mesmos defectos, deberán ser impugnados polos comuneiros/as que se crean danados ante a Asemblea Xeral nun prazo de quince días naturais dende a súa publicación e a súa resolución entón poderá ser impugnada na forma prevista no artigo anterior.

ARTIGO 62.- A Asemblea Xeral poderá revocar calquera acordo tomado pola mesma ou pola Xunta Rectora, pero para isto requirirase concorran as circunstancias do artigo 18 parágrafo 1º da Lei 13/1989 do 10 de outubro do Parlamento Galego.

Cando tales acordos fosen contrarios ós presentes Estatutos, á Lei e Regulamento de Montes Veciñais en Man Común, ou violasen a lexislación xeral, poderán ser suspendidos polo Presidente/a ata a reunión da referida Asemblea cando así o solicite calquera dos membros da Xunta Rectora ou o 20% dos comuneiro/as.

Se tales acordos foran ratificados pola Asemblea reunida ó efecto poderán ser executados, sen prexuízo das responsabilidades en que incorra a propia comunidade, se se ordena a súa revogación pola Xurisdicción competente.


CAPÍTULO XVI: APROVEITAMENTOS

ARTIGO 63.- Os aproveitamentos dos montes corresponden no caso exclusivamente ós veciños/as comuneiro/as, sen asignación de cotas ou parcelas específicas, excepto que a Comunidade acorde distribuír o monte por lotes entre os seus membros, por períodos de tempo non superiores a once anos.


ARTIGO 64.- Os aproveitamentos do Monte Veciñal serán:

a) Directos e gratuítos.
b) Con rendementos pecuniarios.

Serán aproveitamentos directos e gratuítos, aqueles que realicen os Comuneiros/as de modo que os productos aproveitados redunden directamente en beneficio particular ou familiar sen proporcionar rendementos pecuniarios inmediatos.

Serán aproveitamentos directos e gratuítos os seguintes:
1.- Pastoreo de gando propiedade dos membros da Comunidade xa sexa en forma individual ou colectiva.
2.- Esquilmes, leñas caídas, pinocha, matogueiras, cando non sexa aproveitamento con rendemento pecuniario.
3.- A caza cando non sexa aproveitamento con rendemento pecuniario e sexa feito pola Comunidade dito recurso sen establecemento de Coto.
4.- Cultivos de terreos do monte.
Nos aproveitamentos directos e gratuítos, a participación será a precisa para satisfacer as necesidades familiares e a explotación agraria do titular.

Se algún destes aproveitamentos chegara a escasear ou se fora conveniente, a Xunta Rectora proporá á Asemblea Xeral o sistema de distribución e limitacións que considere máis idóneo para compaxinar a escaseza coas necesidades dos Comuneiros/as e beneficio do Monte.

ARTIGO 65.- Para a explotación parcial ou total do monte poderán ser utilizadas as augas baldías superficiais ou soterradas pola propia comunidade mediante acordo de Asemblea Xeral.
Estas augas poderán ser cedidas, en precario, para o seu aproveitamento por períodos prorrogables, co acordo da maioría dos veciños/as comuneiros/as. A cesión formularase por contrato escrito en que se farán constar os dereitos e obrigas de cada unha das partes. Cando os aproveitamentos destas augas redunden en beneficio directo dos veciños/as propietarios do monte, a Asemblea Xeral poderá acordar a cesión por tempo indefinido e carácter definitivo das mesmas. Todo isto, sen prexuízo do que ó efecto dispón a lexislación vixente.

ARTIGO 66.- As ramas e despoxos procedentes de arborado cortado serán distribuídas entre tódolos comuneiros/as interesados, facendo lotes aproximadamente iguais.

ARTIGO 67.- En caso de que calquera produto de rendemento directo e gratuíto, non sexa aproveitable en todo ou en parte, a Xunta Rectora da Comunidade procederá a súa venda investindo o produto obtido en inversións para a conservación, mellora, protección, acceso e servizos no monte, así coma os gastos de conservación e mellora do monte, e o financiamento de obras de infraestrutura e servizos públicos ou de interese social para o monte, con reserva á que se refire o artigo 20 dos presentes Estatutos.

ARTIGO 68.- Co fin de protexer, fomentar e ordenar a caza, a Asemblea Xeral poderá consentir a constitución dun coto de caza, sobre a totalidade ou parte do monte, establecendo para esto as limitacións ou condicións que estime adecuadas sobre os Estatutos, previamente presentados, da Sociedade de Caza que se pretenda constituír, sometendo os terreos do mesmo ó réxime especial cinexético da vixente Lei de Caza.

Estes aproveitamentos considéranse, salvo acordo contrario da Comunidade, directos e gratuítos.

O exercicio do dereito á caza, corresponderá e así se detallará nos Estatutos da Sociedade de Caza que se constitúa, ós comuneiros/as e a cantas persoas convivan no seno da familia dun titular, coa condición de ser socios de dita Sociedade de Caza.

Así mesmo a Asemblea Xeral poderá considerar, si existe unha Sociedade de Caza que abarque a todas ou algunhas das parroquias do municipio ou das limítrofes, ceder este aproveitamento á mesma, de modo gratuíto ou remunerado, como expresa o acordo asembleario que ó respecto se tome.

A caza non terá fins comerciais, industriais ou lucrativos, mentres se considere un aproveitamento directo e gratuíto.

ARTIGO 69.- Considéranse aproveitamentos con rendementos pecuniarios os seguintes:

- Vendas de madeira, postes ou calquera aproveitamento que produza o monte susceptible de xerar diñeiro.
- Alugamento de pastos.
- Alugamento de canteiras ou similares, ou cesión do dereito de superficie.
- Minas alugadas ou explotadas directamente.
- Alugamento de parcelas ou cesión das mesmas por medio de dereito de superficie ou cesión de uso.
- Cesión de augas, sen prexuízo dos establecidos na Lei 2 de agosto de 1985, e do Regulamento Público Hidráulico.
- Alugamento, cesión de dereito de superficie ou dereito de uso de calquera aproveitamento do monte ou parte do mesmo.
- A Caza mediante alugamento ou explotación directa, no caso de que se considere e así sexa acordado pola Comunidade en Asemblea Xeral.
- Cesión de calquera tipo, mediante alugamento de uso ou superficie de todo ou parte do monte para calquera forma asociativa.
- A explotación gandeira que exceda o propio consumo.
- Outros que se poidan establecer.

ARTIGO 70.- As actuacións sobre o aproveitamento do monte en función das necesidades da Comunidade previstas nos artigos anteriores, estarán suxeitas a plans de aproveitamento racional do monte.

ARTIGO 71.- A venda dos aproveitamentos de madeira ou de calquera outro rendemento pecuniario farase sempre en pública poxa, con fixación de edictos nos lugares públicos de costume, e incluso no Boletín Oficial da Provincia, se así o tivera acordado a Asemblea Xeral de Comuneiro/as. Os membros da comunidade poderán asistir á poxa e participar nela, someténdose ás condicións establecidas para a mesma.

ARTIGO 72.- Serán aproveitamentos non pecuniarios nin directos aqueles que para a súa consecución requiran o establecemento dunha empresa agropecuaria ou industrial que esixa contribución de capital, man de obra remunerada, organización técnica empresarial, así como proceso continuo de producción, con autonomía económica e independente e propia.

ARTIGO 73.- A Comunidade poderá facultar á Xunta Rectora para que realice, previo acordo da Asemblea Xeral, en caso de que interese, as xestións necesarias co fin de mancomunarse coas comunidades doutras localidades que posúan montes veciñais en man común, para realizar conxuntamente os plans de explotación dos mesmos, para algún dos seus aproveitamentos ou para a súa defensa, especialmente no referido ós incendios forestais e demais riscos a que poida estar suxeito o monte.

ARTIGO 74.- Para a conservación ecolóxica e ambiental do monte, a Xunta Rectora da Comunidade, previa autorización da Asemblea Xeral, poderá tomar medidas legais contra os infractores ecolóxicos do mesmo.


CAPÍTULO XVII: ELECCIÓN DE CARGOS DA XUNTA RECTORA. DAS ELECCIÓNS

ARTIGO 75.- A mesa electoral para o nomeamento de nova Xunta Rectora será elixida na Asemblea Xeral anterior, con fin de designar de entre os comuneiro/a, para compoñe-la mesa electoral, ó Presidente/a/a da mesma, o Secretario/a/a e dous vogais, así como catro suplentes e sucesiva aceptación dos designados para o desempeño do cargo.

ARTIGO 76.- A designación efectuada e aceptación manifestada para o desempeño de tal cometido, é renunciable por imposibilidade ou causa de necesidade xustificada, sempre que tal renuncia se efectúe cando menos con dez días de antelación á celebración da Asemblea Xeral para efectuar tal elección, presentándoa por escrito, dirixida ao Presidente/a da Comunidade quen, de acreditarse os extremos da imposibilidade ou causa de necesidade, comunicará ao primeiro dos suplentes a designación para o cargo na mesa e así sucesivamente.

ARTIGO 77.- A Asemblea para a elección da Xunta da Comunidade convocarase cando menos con 30 días de antelación.

ARTIGO 78.- As distintas candidaturas depositaranse para a súa formalización ante a Secretaría da Xunta da Comunidade, presentada por calquera dos seus compoñentes en escrito no que figure a composición da mesma e os cargos a que cada un aspire, dentro dos 20 días seguintes á data da convocatoria para a celebración da Asemblea Xeral que contempla o artigo 69 destes Estatutos, rematando o prazo ás 24 horas do vixésimo día.

ARTIGO 79.- Co fin de que prevaleza o principio de igualdade de oportunidades, a Xunta Rectora saínte, que se converte en Xunta Rectora en funcións, elaborará as papeletas de cada candidatura e as entregará ao Presidente/a da mesa electoral, que as depositará no lugar oportuno o día de Asemblea Xeral para elección da Xunta Rectora.

O número de papeletas de cada candidatura ten que ser igual; e cada unha delas non pode ser menor do total do censo de comuneiros/as en vigor.

ARTIGO 80.- A consulta ao censo de veciños/as comuneiro/as, poderá facela na Secretaría da Comunidade calquera comuneiro/a que o desexe durante os 10 días seguintes a Asemblea Xeral na que se decidiu o día da Elección da Xunta Rectora.

O censo permanecerá pechado durante o período electoral.

ARTIGO 81.- As candidaturas que opten por ocupar os distintos cargos da Xunta da Comunidade poderán designar cada unha delas un interventor, que non sexa candidato a ningún dos cargos, na mesa electoral para que fiscalice a claridade das eleccións.

Se por calquera circunstancia, non se presenta ningunha candidatura, os cargos da Xunta Rectora da Comunidade serán elixidos por votación en "lista aberta" entre os Comuneiros/as asistentes á Asemblea convocada e reunida ós efectos, e tratando de acadar o maior consenso posible. Acto seguido, os comuneiros/as elixidos manifestarán a súa aceptación dos cargos e serán ratificados pola Asemblea.

ARTIGO 82.- Na Asemblea na que terá lugar a elección da Xunta Rectora procederase á lectura e comprobación das candidaturas por parte da Mesa Electoral, tralo cal comezará a votación e posterior reconto de votos.

ARTIGO 83.- Calquera incidente ou recurso que se presente durante a celebración das eleccións reflectirase na acta que o Secretario/a da Mesa levante, e resolveranse na Asemblea Xeral que se celebrará a continuación do escrutinio e reconto de votos, procedendo a Asemblea a resolver sobre os mesmos.

Tal acordo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Ordinaria, dentro dos dous meses seguintes, sen que sexa de aplicación ao presente caso o disposto no artigo 54 destes Estatutos.

ARTIGO 84.- Unha vez resolto sobre os incidentes e recursos a que se refire o artigo anterior, acordarase a validez das eleccións, do escrutinio e reconto de votos.

Serán elixidos Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a, Tesoureiro/a e Vogais da Xunta Rectora da Comunidade os que integren a candidatura que maior número de votos obteña dos comuneiros/as da parroquia de Peitieiros.

Procederase a continuación a declaralos electos para os cargos da Xunta da Comunidade, tomando acto seguido posesión dos mesmos.


CAPÍTULO XVIII: EXTINCIÓN DA COMUNIDADE

ARTIGO 85.- A Comunidade extinguirase por calquera das causas seguintes:

1- Por Disposición Legal que así o ordene.
2- Por renuncia de tódolos comuneiro/as.
3- Por perda da propiedade do Monte, calquera que sexa a súa causa.
4- Por deixar de existir veciños/as na Parroquia.
5- Por imposibilidade de continuar desenrolando as actividades comunitarias para as que se constituíu.

ARTIGO 86.- No suposto de deixar de pertencer o monte á comunidade e ser substituídos por outros bens, poderá continuar a existencia da mesma e a explotación dos bens substituídos sempre que así o acorde a Asemblea Xeral.

ARTIGO 87.- Cando o tempo que se expropie o monte extíngase a Comunidade titular do mesmo, o importe de xustiprezo poderá investirse, cando así o acorde a Asemblea Xeral, na adquisición doutro monte, finca ou inmoble, se existiu traslado a outra poboación, aldea ou lugar que facilitase calquera entidade pública ou privada ou ben fose xestionado pola propia Comunidade.

ARTIGO 88.- Cando non fose posible o previsto no artigo anterior, a Asemblea Xeral, por maioría dos seus membros, decidirá sobre o emprego e xusta distribución do importe correspondente á expropiación dos bens comunais, pero esta non desaparecerá, en expectativa do dereito de reversión dos mesmos.

De extinguirse ou desaparecer a comunidade de veciños/as titular do monte, de forma provisional e ata que se reconstrúa a Comunidade e sempre que a Parroquia de onde radique o monte non exerza o dereito conferido no artigo 20 da Lei de Montes Veciñais 13/89, os montes serán xestionados de forma cautelosa pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Unha vez extinguida a Comunidade, procederase a súa liquidación pola Xunta Rectora, salvo que a Asemblea Xeral acorde o nomeamento de Liquidadores especiais. A Asemblea Xeral poderá nomear os interventores que considere convenientes.

Os bens comúns, os que o substituíran, ou as indemnizacións que se reciban por tal motivo, terán o destino que marque a Lei que ordene a extinción da Comunidade, que dispón o art. 29 da Lei 13/1989 de Montes veciñais en Man Común.


CAPITULO XIX: DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

PRIMEIRA

A aprobación, reforma ou revogación destes Estatutos correspóndelle á Asemblea Xeral, requirindo a convocatoria expresa e voto favorable da maioría dos presentes que representen alomenos o 50% do censo de comuneiros/as en primeira convocatoria e o 30% en segunda.

SEGUNDA

Os Estatutos polos que se viña rexendo a Comunidade quedan derrogados e substituídos polos presentes, que terán plena validez o día seguinte da súa aprobación pola Asemblea Xeral.

Os presentes Estatutos entrarán en vigor ó día seguinte da súa aprobación en Asemblea Xeral e serán remitidos ó Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común a través da Dirección Provincial, con orixinal e copia asinados polo Presidente/a e Secretario/a da Xunta Rectora, a composición desta mediante Certificación do Libro de Actas correspondente, a Certificación de que foron aprobados por Asemblea Xeral cos requisitos e as formalidades legais e unirase copia auténtica do Libro Rexistro de comuneiros/as actualizado ó mes de Xaneiro.


CAPÍTULO XX: DISPOSICIÓN FINAL

ÚNICA.- Os presentes Estatutos foron elaborados de acordo coa Lei 2/2006, de 14 de xuño, de Dereito Civil de Galicia, Lei de Montes Veciñais en Man Común do 10 de outubro de 1989 e o Regulamento do 4 de setembro de 1992, e serán reformados no seu caso por calquera outra Lei que sobre Montes Veciñais se publique no futuro ou, no seu defecto, a Lexislación Xeral.


En Peitieiros, a 13 de xuño de 2010,


O Presidente/a O Secretario/a