A esperanza
 
     

Nas tardes no monte, coa mirada perdida entre o mato queimado, reflexionamos sobre a esperanza que nos queda.

A nosa CCMM a pesar de estar a vivir momentos difíciles, de grande desánimo e de incertidume ao ver botado por terra o esforzo de tantos anos, segue a mirar ao monte coa esperanza de telo recuperado no menor tempo posible e coa ilusión de que siga a ter o importante papel de motor socioeconómico na nosa parroquia, ao igual que o foi para os nosos debanceiros.

Cando vemos que no medio do lume os comuneiros e comuneiras non se enrugaron e con arroubo e teimosía subiron as abas do Matalagartos para arrincarlle ao lume deborador unha árbore, unha herbeira ou mesmo unha silveira verde, loitando ata que as súas forzas o permitiron,....... agora esta Xunta Reitora, recollendo ese ánimo, faremos o imposible para tratar de darlle ao monte o seu verdor, recuperando o perdido e mellorando as actuacións no posible para tratar de conseguir para os nosos fillos e fillas, e para o resto da sociedade que o aprecie, o mantenemento do medio natural e dos recursos do monte, pois entendemos que a nosa actuación local terá repercusión positiva global nas xentes, no país e no planeta, tal e como indica o tan mencionado efecto bolboreta. .
   
A esperanza que nos da a abrótega saíndo entre o farruxe nunha nova vida.

A esperanza que nos da o fento verde en tanta negrura.

A esperanza dos fungos e cogumelos que buscan a vida onde só hai leña queimada...e a deles...a dos cativos e cativas conscientes do que vive o monte nestes días de negrura.